¡Hola! Utilizamos cookies propias y de terceros para analizar el uso de esta web y mejorar tu experiencia de navegación. Al continuar navegando entendemos que aceptas nuestra política de cookies.    Saber máis - Aceptar.
Día do Cooperativismo galego 2022
Día do Cooperativismo galego 2022

As cooperativas constrúen un mundo mellor - Día do Cooperativismo galego 2022

 

 

No marco deste evento entregáronse os Premios ao Cooperativismo 2022 ás cooperativas Aventeira de Fene, 13 Graos de Vigo e Agroflor de Narón

O CIFP Imaxe e Son da Coruña e o IES Marco do Camballón de Vila de Cruces (Pontevedra) levaron os galardóns na modalidade de proxectos empresariais do certame Cooperativismo no Ensino.

O Parque da Música en Santiago de Compostela acolleu o evento do Día do Cooperativismo galego. Baixo o lema, Construír un mundo mellor, o cooperativismo reivindicouse como un modelo empresarial que aposta pola igualdade e a equidade. Ao evento asistiron numerosas autoridades como a conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana; a secretaria xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social, Covadonga Toca; o alcalde de Santiago de Compostela, Xosé Sánchez Bugallo. Así como representantes do ámbito do cooperativismo como a presidenta de Espazocoop, Ana Olveira.

Tal e como lembrou a conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, durante 2021 creáronse en Galicia 174 novas iniciativas empresariais que apostaron pola economía social. Unha aposta por un modelo empresarial que senta as bases dunha sociedade próspera e sostible ao ser unha fórmula solidaria comprometida cun emprego estable e de calidade, que sitúa ás persoas no centro e que se compromete co seu territorio e aposta por fixar poboación no medio rural.

O evento acolleu a entrega dos galardóns dos Premios á Cooperación e do certame Cooperativismo no Ensino.

O Premio aos valores cooperativos recaeu na cooperativa Aventeira de Fene, por destacar no impulso dos valores e principios cooperativos. Esta entidade constituída en 2019 , conta con 7 persoas socias traballadoras. Aventeira dedícase ao sector do lecer, creando espazos educativos que estenden a oferta de tempo libre máis aló dos períodos estivais.

O galardón ao mellor proxecto cooperativo novo foi para os 13 Graos, sociedade radicada en Vigo, creada hai menos de dous anos, e que traballa pola divulgación e conservación do medio mariño, xa sexa desenvolvendo recursos didácticos para achegar a riqueza litoral á sociedade como organizando roteiros submarinos interpretados, talleres e charlas temáticas, safaris de mergullo e exposicións de fotografía acuática.

No caso da mellor traxectoria cooperativa, o premio recaeu en Agroflor, cooperativa agraria con sede en Narón. Esta cooperativa dedícase ao cultivo e comercialización de flores ornamentais, plantas e horta e é na actualidade, a única cooperativa deste sector que queda en Galicia.

No acto fíxose entrega tamén dos premios a Proxectos Empresariais Cooperativos do Certame cooperativismo no Ensino na modalidade de centros de Formación Profesional e ensinos de réxime especial, cuxos gañadores foron os representantes do CIFP Imaxe e Son da Coruña e o accésit para o IES Marco do Camballón de Vila de Cruces (Pontevedra).

Para finalizar realizouse unha sentida homenaxe a Olga Amoedo, mestra e fundadora da cooperativa de ensino Claimo de Vigo.

 

 

Presentado por Fran Cañotas
Presentado por Fran Cañotas
Público asistente
Público asistente
Parque da Música
Parque da Música
Contidos relacionados